Apuntes

HISTORIA

A Fronte Obreira Galega naceu no ano 2.009. Na vontade de todas as persoas que participamos daquel proceso estaba a creación dun instrumento político que participara do contexto histórico que existía naquel momento, coa firme e nidia decisión de contribuír con humildade, traballo e lealdade a crear e afortalar espazos macro políticos que tiveran capacidade para incidir socialmente na realidade,e nos que todas e todos os que quixeran estar puideran facer política con comodidade.

Xa que logo, participamos en todos os intentos de construír ferramentas políticas que estiveran neses parámetros estruturais. Así o fixemos na Mesa de Cangas,e así o amosamos en Anova Irmandade Nacionalista, onde chegamos a ter representantes en todos órganos de dirección. Despois de comprobarmos como a praxe política desta organización movese polas antípodas da súa denominación teórica, decidimos marcharnos do espazo que evoluiu cara o que hoxe é En Marea. Nos meses posteriores a que tomaramos a decisión de írmonos, recibimos algún convite do BNG para partillar espazos conxuntos de traballo. Esta situación foi especialmente intensa no ano que acaba de rematar, xa que se viviron tres procesos electorais nun tempo moi pequeno. Nas dúas eleccións estatais e nas eleccións ao parlamento autonómico, a FOGA, aínda que iniciamos a primeira campaña electoral co colectivo que resultou do Banquete de Conxo, Iniciativa pola Unión, rematamos indo da man do BNG, formando parte das súas candidaturas no colectivo que se denominou NÓS.CANDIDATURA GALEGA-BNG-NÓS

Consideramos que a valoración deses meses de traballo cóbado con cóbado BNG/FOGA foi moi positiva. En absoluto se menoscabou nin o máis mínimo a nosa autonomía. Asemade o grao de liberdade e comodidade no que puidemos desenrolar o noso traballo político foi moi elevado.

SITUACIÓN ACTUAL

No momento presente, sen ningún tipo de proceso electoral en perspectiva ata as eleccións municipais do ano 2.019, obxectivamente se pode dicir que a situación da FOGA é case vexetativa, temos pouca incidencia na sociedade,agás a inercia comunicativa resultante da nosa participación na loita sindical e do recente traballo a carón do BNG.

Na nosa man, temos a posibilidade de integrármonos como organización soberana no BNG. Esa hipotética integración se desenvolvería da seguinte maneira;

-Asinariamos un protocolo de integración do FOGA no BNG

-A FOGA mantería na súa integridade a súa independencia,autonomía orgánica e capacidade para facer política per se

-A integración da militancia da FOGA no BNG sería individual. Os e as militantes da FOGA que non o desexen facer, son libres de non facelo.

-Os militantes que non se integren no BNG, participarían nas decisións políticas que atinxan ao FOGA en igualdade de condicións,cós que si estean dentro do BNG.

-Calquera decisión política que afecte ao FOGA no seu conxunto, ou a algún dos seus militantes en particular, será froito da vontade colectiva da militancia do FOGA estea ou non dentro do BNG.

PROPOSTA POLÍTICA

A comisión xestora do FOGA, considera por maioría,a pertinencia da integración do noso partido no BNG, nas condicións expostas no apartado anterior e así o traslada á asemblea xeral de afiliados/as para sometelo á súa vontade.No caso dunha reposta afirmativa da maioría de afiliados e afiliadas, procederiamos a facela efectiva inmediatamente.