Principios

PRINCIPIOS PROGRAMÁTICOS

Loita de Clase: A Fronte Obreira Galega é unha organización política que afirma, día a día, o seu carácter de clase, adoptando as decisións que en cada momento considera, para mellor defender os intereses inmediatos e xerais da clase traballadora galega na perspectiva da transformación social.

Nacionalismo: A Fronte obreira Galega defínese como unha organización política nacionalista porque Galiza e unha nación sen soberanía política, ao servizo de intereses alleos, sometida e dependente económica, política e culturalmente. A procura de nosa soberanía e o exercicio do dereito de autodeterminación son para nós irrenunciables. Desde a nosa independencia e autonomía, reclamamos parte do movemento nacionalista galego.

Autoorganización: Entendendo que ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorablemente aos intereses do noso pobo; se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas, a Fronte Obreira Galega é expresión da autoorganización da clase obreira galega.

Solidariedade e Internacionalismo: A Fronte Obreira Galega, a través do seu traballo en diversas organizacións e a través de se mesma, garante a unión e solidariedade da clase traballadora con independencia do sector en que se ocupen as súas actividades, do territorio onde vivan ou das diferenzas e atrancos que podan existir. Así mesmo, estamos vencellados a loita común dos traballadores e das traballadoras do mundo pola súa completa emancipación e ás dos pobos que loitan pola súa liberación nacional.

Democracia e Participación: A Fronte Obreira Galega entende a democracia como valor universal. Garante a igualdade de dereitos da súa afiliación, asegura o funcionamento democrático de todos seus órganos de dirección e elixe todos seus cargos democraticamente. Fomenta a participación e as asembleas de afiliados a afiliadas, así como as dos traballadores e traballadoras, como método para evitar o individualismo, o corporativismo e a burocracia, e como maneira de facilitar a corresponsabilidade nos deberes e na toma de decisións.

Independencia: A fronte Obreira Galega é independente e soberana na toma de decisións. Autogovérnase e non está suxeta a control de ningún grupo de poder económico, ideolóxico ou relixioso.

Pluralismo: A Fronte ObreiraGalega é unha organización política de esquerdas e plural, respecta e fai respectar a liberdade interna e a diversidade de opinións políticas tanto individuais como colectivas, garante a liberdade de expresión e pensamento sen restricións de ningunha caste, e cumpre e fai cumprir os estatutos dos que libre e voluntariamente se dota .

Feminista: A Fronte Obreira Galega declarase Feminista consciente de que as discriminacións que sofren as mulleres en todos os eidos son estruturais e veñen orixinadas pola división sexual do traballo. Recoñecendo o capital e o patriarcado como fonte desa opresión.

A fronte comprometese na loita contra o machismo e contra o sistema patriarcal , combatendo tanto , no seo da organización como fora dela , o sexismo e as actividades e comportamentos que sustentan e amparan a violencia machista.

Transformación: A Fronte Obreira Galega e unha organización política transformadora. Para mellor defender a facer realidade os seus obxectivos, participa na vida sociopolítica e fomenta, así mesmo, a participación máis activa da súa afiliación

Unidade: A Fronte Obreira Galega persegue a máis completa unidade da clase traballadora galega. Así mesmo, propiciará a máis ampla e posible unidade de acción política, social e sindical para acadar os obxectivos fixados.

Normalización: A Fronte Obreira Galega expresase en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza, avogando polo seu uso en todas as situacións da vida cotiá.